Os campións máster de Galicia coroáronse en Sigüeiro
O máster-30 Javier García obtivo a vitoria absoluta; Diego Álvarez, José María Tajes e Manuel Prieto revalidaron os seus títulos.
O Campionato de Galicia Máster de fondo en estrada estivo a piques de presentar no 2024 o mesmo cadro de gañadores que no ano anterior. De impedir un pleno de repeticións encargouse o gañador absoluto este domingo en Sigüeiro, no concello de Oroso, do VII Memorial Fernando Abad. O máster-30 Javier García (Tríatlon Vilalba) foi o primeiro corredor en cruzar a liña de meta e adxudicouse por primeira vez un maillot autonómico que unha temporada máis recibiron o máster-40 Diego Álvarez (Aerodynamics), o máster-50 José María Tajes (Norinver) e o máster-60 Manuel Prieto (Norinver).
A carreira que percorreu os municipios coruñeses de Oroso, Ordes, Tordoia e Trazo disputouse sobre unha distancia de 70 quilómetros. Coa organización do Memorial Fernando Abad, o club Tambre Bike lembra a figura de quen foi o seu presidente e faleceu durante unha saída en bicicleta no ano 2015. Esta cita xa se trata dunha clásica do calendario e nesta ocasión tivo o aliciente extra de exercer de Campionato de Galicia.
As dúas voltas ao circuíto de 35 quilómetros resolvéronse cun grupo de dez unidades xogándose na recta de meta a vitoria absoluta, así como as coroas autonómicas máster-30 e máster-40. Javier García, ao igual que aconteceu a pasada fin de semana no desenlace da Copa Galicia na Estrada, impuxo a súa punta de velocidade e cun tempo de 1 hora 47 minutos e 11 segundos ergueu os brazos por diante do máster-40 asturiano Javier Helguera (Guía Color). A terceira praza e ao mesmo tempo o título máster-40, por cuarto ano consecutivo, recaeron en Diego Álvarez.
Neste esprint tamén obtiveron medallas do Campionato o cuarto clasificado, o máster-40 David Burgo (Bici Paixón); o sexto, o máster-30 Pablo Fernández (Cidade de Santiago), que defendía o cetro autonómico do seu grupo de idade; o sétimo, o máster-40 Gonzalo Vidal (Xesteiras); e o noveno, o máster-30 Gustavo Santiago (Ciclismo - Tríatlon Poio). Os outros tres compoñentes do grupo foron o asturiano Miguel Ángel Colunga (Lasal Cocinas - Craega) -quinto na táboa absoluta-, e os galegos máster-40 Ramón Troncoso (Norinver) e Juan José Bodelo (Compostelano), noveno e décimo, respectivamente.
A nómina de campións de Galicia completouse coa chegada do pelotón a 1'22" dos escapados. José María Tajes, segundo nos máster-50 por detrás do asturiano Juan Manuel Toribio (Aerodynamics), colgouse a medalla de ouro da súa categoría por terceiro ano seguido. A de prata acadouna Vicente Alló (Chantadino) e a de bronce, Marcos Vale (Gráficas Lar). O Norinver sumou unha segunda camisola do Campionato por medio do máster-60 Manuel Prieto, a quen pertence ese maillot dende o 2019.
Os premio na cerimonia de podio entregáronos Alexandre Doval, alcalde de Oroso; Carlos Fernández, concelleiro de Deportes; Antonio Leira, deputado provincial de Deportes; Amancio Espiñeira, presidente do Tambre Bike, e outros directivos do club; ademais de Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego. Contando coa presenza dos seus pais, o pelotón máster homenaxeou ao inesquecible Fernando Abad.
PODIOS DO CAMPIONATO DE GALICIA
Máster-30
1. Javier García López (Tríatlon Vilalba)
2. Pablo Fernández (Cidade de Santiago)
3. Gustavo Santiago (Ciclismo - Tríatlon Poio)
Máster-40
1. Diego Álvarez (Aerodynamics)
2. David Burgo (Bici Paixón)
3. Gonzalo Vidal (Xesteiras)
Máster-50
1. José María Tajes (Norinver)
2. Vicente Alló (Chantadino)
3. Marcos Vale (Gráficas Lar)
Máster-60
1. Manuel Prieto (Norinver)
Foto: Federación Galega de Ciclismo |